Municipais07 Noia: Antonio Pérez Insua (PPdG)
Antonio Pérez Insua é o actual alcalde con maioría absoluta e candidato polo PPdG a revalidala. Na súa campaña estivo facendo buzoneo (é dicir, como se fose publicidade, non a través de Correos e non só ós electores) cun folleto que impugnou a Xunta Electoral por firmar como alcalde. Neste folleto destacaba dos seus catro anos de mandato só unha cousa: as obras que fixo. Algunhas destas obras son moi importante: a ampliación do Paseo Marítimo, a depuradora ou o enlousado do casco histórico (aínda que este último non me gustou nada como quedou).
E é que Tono Insua fai como moitos políticos e olvida que un alcalde ten máis que facer que obras. Así, no seu programa deixa en segundo plano cousas como a cultura, os servicios sociais ou a xestión das arcas municipais. É tamén un programa continuista: moitos puntos comezan por “seguir…”, “continuar con…” ou “manter…”.
De todo o programa, nada me chama a atención en especial. Todos é bastante dentro do común, esperable e de sentido común. Despois de dicir que o aparcamento non é viable, sumanse ó carro e din que eles tamén van facer un.
A lista do PPdG é totalmente nova, salvo o número un. Ningún dos concelleiros actuais repite.
