Para Saber de Todos
Coloco esta referencia con algo de retraso, pero bueno…
Canso de páxinas do estilo pasasaberde… .com nas que non podes entrar? Pois visita parasaberdetodos.foros.st, o foro de todos e todas os membros da pandilla. Rexístrate!
Coloco esta referencia con algo de retraso, pero bueno…
Canso de páxinas do estilo pasasaberde… .com nas que non podes entrar? Pois visita parasaberdetodos.foros.st, o foro de todos e todas os membros da pandilla. Rexístrate!
Non sei se será que a política vende, que a actualidade vende ou simplemente que puxen información sobre os candidatos que non hai en ningún outro sitio. O asunto é que onte batemos o récord de páxinas vistas nun día, que por certo bateramos o 1 de maio con 247. Onte, venres, servíronse 295 páxinas, que se corresponderon con 127 visitantes diferentes. A maior parte de eles chegaron de Vieiros ou de Google buscando información sobre as eleccións locais en Noia. Fan un total de 20,537 páxinas vistas desde a inauguración aquel 13 de agosto de 2006 tan especial.
Para rematar con este Especial eleccións sobre os 5 candidatos, gustaríame agradecer a Vieiros que se fixera eco deste blog (1 e 2). Tamén pedir perdón por retrasarme na entrada de hoxe, por motivos persoais.
Bastante xente chegou a esta páxina buscando información sobre as eleccións en Noia. Animádevos a deixar algún comentario coa vosa opinión. Agradeceríavolo moito.
E recordade que mañá é xornada de reflexión e por iso non direi mañá nada sobre política aquí. Facer algo que poda influír no voto (como convocar unha manifestación a favor do programa dalgúns partidos) sería ilegal e ademais de moi malos demócratas.
Última reflexión: votes o que votes, ¡vota!, non deixes que decidan por ti.
Derradeiro día de campaña, derradeiro día deste especial eleccións neste blog e derradeiro candidato. Deixámolo para o final porque onte foi o mitin central desta formación en Noia. Diario dun piso de estudiantes, ante a imposibilidade de asistir, mandou a unha enviada especial a este acto, bastante largo por certo.
No mitin sinalouse que as liñas fundamentais do programa pasan pola limpeza da ría, limpeza que non se limitaría só á retirada da escollera, como parece que propoñen dende o PSOE, senón que tamén se limparían os millóns de toneladas de lama que a ocupan para así poder rexenerar os bancos marisqueiros. Baseándose no que pasou na ría de Arousa, iso suporía a creación de 1500 novos postos de traballo que relanzarían indirectamente máis sectores.
Por outra banda, en canto a política social, un feito inminente de chegar ao poder sería a creación dunha Galescola para así contribuír á conciliación da vida laboral e familiar. No mesmo sentido impulsaríanse iniciativas para acadar a igualdade entre homes e mulleres. Con respecto aos xoves, ademais da creación de emprego e o apoio a emprendedores, proponse a creación de locais de ocio alternativo, unha maior información sobre drogadicción e sexo, etc…
Como novidade na cultura, ademais do arranxo do Coliseo e do apoio ao Festival de Curtas proponse Noia como Vila do Libro, unha iniciativa que xa se ten levado a cabo en máis países e nalgún outro lugar de España e que relanzaría a Noia dentro do mundo da cultura.
A candidatura Rogelio Mora, alias el Manchego, foi toda unha sorpresa. O ex-policía municipal presenta unha lista que é tomada a broma por moita xente.
Ninguén dá nada por el e pouca xente lle fai caso. O máis seguro é que consiga poucos votos e non chegue a ningún escaño, aínda que se acada un é moi probable que sexa chave, como ocorría con Codesido. Iso pode ser o seu obxectivo principal, creo.
Rogelio aposta pola construcción dunha gran plaza de touros para asasinar animais, facer feiras de gando e concertos. Outras promesas son a construcción de vivenda de promoción pública, a ponte sobre a ría, o recheo do malecón, unha gardería pública e un centro de desintoxicación.
Codesido preséntase como unha alternativa ós candidatos de partidos gobernados dende arriba (PP, PSOE, BNG). Presentarse por Terra Galega permítelle case o mesmo que se fose un independiente. Codesido xa estivo traballando no concello durante o goberdo de Mari Carmen Abeijón (PPdG) e de Pastor Alonso nunha lista moi heteroxénea que incluía xente de todas as cores. Aínda así, Codesido presenta unhas propostas máis ben de dereitas. Tamén, como o candidato do PSOE, un blog personal para a campaña.
Apoia fortemente a construcción do viaduto, xunto co PP. Pide obras, coas que coincide con moitos outros partidos: recinto feiral, ampliación do polígono, paseo ata Testal… No seu blog recolle unhas cantas ideas máis, algunhas das cales me parecen inviables. Ademais dixo na radio local que sería boa idea xuntar nun só concello a Noia e Lousame (wtf!).
O que máis me chamou a atención positivamente do seu programa foi a solicitude dunha liña de noitebús para Noia. Parece mentira que non caesen outros nesta idea que, ademais de evitar accidentes de tráfico, revitalizaría a noite noiesa.
Terra Galega podería ser o escaño clave que desempatase ó PP da coalición PSOE-BNG. Nese caso, Codesido terá cumplido o seu obxectivo. Se non, posiblemente non volvamos oír falar da súa candidatura.
Rafa (ter gañado as eleccións fai 8 anos sendo o alcalde máis xoven de Galicia axudou a fixar este diminutivo) é o candidato dos socialistas. Tras 4 anos como grupo principal da oposición, volve a intentar ser alcalde nun momento no que os seus compañeiros de partido mandan no Goberno Central, na Xunta e na Deputación. É o único, xunto con Codesido, que ten un blog para a campaña.
Rafa resume o seu programa en 3 compromisos. 1 Limpeza da ría, punto común con todos os demais partidos. 2 Aparcamento soterrado de propiedade municipal en San Lázaro, boa idea pero que non me parece tan importante, aínda que este é o momento de facelo, antes de que creza máis Noia. 3 Conserveira artesanal, punto que non acabo de ver.
Para min son máis interesantes e diferenciais outros puntos. Aposta pola cultura, que sei que se vai facer realidade sobre todo se Lino García (número dous e concelleiro de cultura durante a alcaldía de Rafa) se encarga deste campo outra vez. Relacionado co punto anterior, promoción do Festival de Curtametraxes Vila de Noia, que se deixou minguar estes últimos anos (dúas persoas as que este festival lle debe moito van nas listas). Municipalización de servizos, creando unha empresa totalmente pública para obras, augas, limpeza, xardíns… e acabar con Gestagua. Aumentar o número de concelleiros con adicación exclusiva (baixando o soldo do alcalde).
A García Guerrero pésalle o que o apartou do concello fai 4 anos: non ter feito grandes obras e falta de carisma de alcalde.
A lista do PSdG é tamén nova, quitando a Lino García (mencionado antes).
Antonio Pérez Insua é o actual alcalde con maioría absoluta e candidato polo PPdG a revalidala. Na súa campaña estivo facendo buzoneo (é dicir, como se fose publicidade, non a través de Correos e non só ós electores) cun folleto que impugnou a Xunta Electoral por firmar como alcalde. Neste folleto destacaba dos seus catro anos de mandato só unha cousa: as obras que fixo. Algunhas destas obras son moi importante: a ampliación do Paseo Marítimo, a depuradora ou o enlousado do casco histórico (aínda que este último non me gustou nada como quedou).
E é que Tono Insua fai como moitos políticos e olvida que un alcalde ten máis que facer que obras. Así, no seu programa deixa en segundo plano cousas como a cultura, os servicios sociais ou a xestión das arcas municipais. É tamén un programa continuista: moitos puntos comezan por “seguir…”, “continuar con…” ou “manter…”.
De todo o programa, nada me chama a atención en especial. Todos é bastante dentro do común, esperable e de sentido común. Despois de dicir que o aparcamento non é viable, sumanse ó carro e din que eles tamén van facer un.
A lista do PPdG é totalmente nova, salvo o número un. Ningún dos concelleiros actuais repite.
ElPaís fala este domingo das promesas máis insólitas nesta campaña electoral* (aínda que lle falta unha). Algunhas son realmente incribles. Por exemplo, Esperanza Aguirre asegura que construirá 1400 km.(sic, wtf!, …) de carril bici na Comunidade de Madrid. A ver… 14 km. sería posible (A Coruña ten 8 km. de carril bici no paseo marítimo), 140 km. unha grandísima aposta polas bicis, pero 1400 km. é imposible! E hai moitas máis igual de sorprendentes.
Os programas electorais son moito menos importantes nas eleccións locais que en calquera outras. Aquí, por riba de todo vai o candidato e a súa competencia e ética, e despois as promesas e os partidos polos que se presentan. Nun ámbito local (e se é unha vila mediana, máis aínda), todos coñecemos ós candidatos e temos referencias de el.
Aínda así, quería facer unha análise aquí dos candidatos á alcaldía en Noia e os seus programas. Son as miñas primeiras eleccións e a verdade é que me fan bastante ilusión. Aproveitando que se presentan 5 candidatos e que quedan 5 días de campaña, publicarei unha entrada sobre un partido cada día ás 13.00 horas ata o venres. Este é un foro aberto, gustaríame que se alguén ten algo que dicir sobre o que poño que, por favor, o poña como comentario.
* [Teño a noticia en chuza.org, se ma queredes chuzar…]
Actualizado: Sondaxes de El Correo Gallego: valoración de líderes, intención de voto.