Fallo en todos os .es
Hoxe pola tarde todos os dominios .es non funcionaban. Dende as 15.00 ata última hora da tarde non se podía acceder a ningunha páxina web que rematase en .es, nin mandar e-mails a este tipo de direccións, etc. O problema debeuse a un fallo total nos servidores DNS de ESNIC. A ver… expliquémonos.
Cada ordenador/máquina/servidor identifícase en Internet cunha dirección IP única, do estilo 80.102.24.65. Como recordar unha dirección IP non é sinxelo, a cousa facilítasenos asignándolle a algunhas IPs un nome de dominio: xxxxxx.algo (elpais.es, google.com, blogsome.com, etc). Para obter a IP correspondente a elpais.es, neste caso 212.80.177.133 (proba a introducir estes numeros na barra de direccións en vez de elpais.es), utilízanse os servidores DNS. Para os nomes de dominio .es, o responsable é ESNIC.
Ó producirse un fallo nos servidores de ESNIC, cando alguen tecleaba algunha dirección .es, non se traducía correctamente e non ía a ningún lado. Resultado: caos en todos os dominios españois.
A noticia aparece recollida en multitude de sitios: para profanos, pormenorizadamente ou no recomendabilísimo Microsiervos.


